Acerca do SiGui

O portal que está visitando vostede, SIGui, foi desenvolvido polo Laboratorio del Territorio (LaboraTe) da Universidade de Santiago de Compostela, dentro do proxecto "Sistema de Ayuda a la Decisión Espacial en la Ordenación Territorial de Ámbito Local (SADE-OTAL)" financiado polo Plan Nacional de I+D+I, para dar resposta ao encargo do Concello de Guitiriz á UTE formada polo Gabinete de Arquitectura e Urbanismo (GAU) (gau@coag.es) e a Universidade de Santiago de Compostela para a redacción do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

O portal pretende mellorar a difusión da información relacionada co PXOM e todas as súas fases de tramitación co fin de facela máis transparente e accesible para todo o mundo (veciños e público en xeral). Tamén pretende facilitar e aumentar a colaboración cidadá na elaboración do plan, axudando á redacción de alegacións. Esta web é especialmente útil para os veciños que teñan a súa residencia actual lonxe do concello, xa que lles permite consultar con calma toda a documentación do plan sen ter que desprazarse e estar pendente dos horarios de exposición ao público da mesma.

Ademais da súa utilidade relacionada co PXOM, o SIGui constitúe de por si un sistema de información xeográfica (SIX) do Concello de Guitiriz. Como se pode ver no visor de mapas, póñense a disposición do público numerosas capas (conxuntos) de información xeográfica de distintos tipo (límites administrativos, vías, distintos tipos de infraestruturas, edificacións, hidrografía, hipsografía, etc.). Esta información poderá irse completando aínda mais, a medida que pase o tempo, con novas capas de información.

A información cartográfica que se amosa no portal obtívose de diversas fontes. Por una banda, realizouse un importante traballo de campo para obter unha localización precisa e actualizada dos distintos elementos. Por outra banda, como base, usouse información procedente de Catastro, SIXPAC e SITGA.

Para o desenvolvemento do portal, o LaboraTe fixo unha aposta firme polo software libre, debido ás vantaxes que ofrece en canto ao abaratamento de custes de desenvolvemento e implantación e en canto a flexibilidade e liberdade. Polo que respecta ao rendemento e fiabilidade, en base a traballos previos, tense comprobado que en xeral son suficientes para o desenvolvemento de aplicacións SIX-web de este tipo. De entre as ferramentas usadas para o desenvolvemento do portal podemos citar as seguintes:

  • GNU/Linux, como sistema operativo.
  • Apache, como servidor web.
  • MapServer, como servidor xeográfico.
  • dBox, para o visor de mapas.
  • PostgreSQL, como sistema de xestión de bases de datos.
  • PostGIS, como extensión espacial sobre PostgreSQL para o almacenamento de datos xeográficos.
  • GDAL, para o acceso a datos raster.